Saturday 20 de April de 2024

A Xunta apoia a condidatura a xeoparque de Cabo Ortegal no Comité Español que avalía as propostas


A Consellería de Medio Ambiente subliña a riqueza xeolóxica desta zona como punto forte da iniciativa impulsada polos sete concellos que conforman a comarca de Ortegal

A Xunta de Galicia avalou esta mañá a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal ante o organismo encargado de avaliar as propostas españolas que aspiran a recibir este recoñecemento de carácter internacional por parte da Unesco.

Durante unha reunión telemática do Comité Nacional Español de Xeoparques (CNEG) convocada precisamente para acoller a presentación da candidatura galega, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou a riqueza xeolóxica desta zona como punto forte da iniciativa impulsada polos sete concellos que conforman a comarca de Ortegal —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño—.

Así, eloxiou o traballo da Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal nos últimos meses co fin de enriquecer a proposta inicial e reforzar as súas posibilidades ante a Unesco, ao tempo que resaltou tamén a implicación dos diferentes departamentos da Xunta que achegan financiamento para impulsar o desenvolvemento desta zona.

Cómpre lembrar que o territorio que aspira a este distintivo conta cunha superficie de case 630 km2 e é todo un referente na xeoloxía europea. Nese sentido, a declaración como xeoparque mundial daríalle un pulo definitivo a estes valores xa coñecidos, abrindo novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural e económica da súa área de influencia, que suma en total unha poboación de máis de 28.000 habitantes.

Por este motivo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu avalar a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal nunha carta remitida en abril do ano pasado á Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, na que destacaba precisamente a gran relevancia do patrimonio xeolóxico singular deste espazo así como o feito de que conte cunha estratexia de desenvolvemento propia relacionada co mesmo.

Coa presentación formal da candidatura hoxe ante o CNEG, dáse un paso máis de cara á súa declaración definitiva. Así, as catro zonas españolas aspirantes a Xeoparque terán ata o 20 de setembro para remitir os seus proxectos definitivos e a finais de novembro reunirase de novo o CNEG para deliberar sobre as candidaturas e elevar a súa proposta á Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, que fará a selección final.

Se a proposta de Cabo Ortegal recibe o aval da Unesco, converterase na segunda figura deste tipo existente en Galicia e dará pé a futuras sinerxías co Xeoparque Montañas do Courel, declarado en abril de 2019.

Ademais, esta declaración sumaríase ao resto de distintivos de protección ambiental cos que xa conta: catro zonas de especial conservación, dúas zonas de especial protección de aves, dúas áreas de protección Ramsar e dous humedais protexidos.